Sunday 28 de April de 2024

Máis de 150 menores sometidos a medidas xudiciais inician na Coruña o seu Camiño dos Valores


María Pita converteuse hoxe no escenario da saída simbólica das mozas e mozos que camiñarán ata Santiago nunha ruta cargada de significado

María Pita converteuse hoxe no punto de partida simbólico dos 170 menores que participan no segundo tramo do Camiño de Santiago-Camiño dos Valores, e que estarán arroupados por máis de 100 titores e guías. Trátase dunha iniciativa impulsada pola maxistrada canaria Reyes Martel, no marco do proxecto Up2U, que busca a reinserción a través da convivencia e na que menores que cumpren medidas xudiciais ou que se atopan en risco de exclusión percorrerán a ruta inglesa.

Na saída acompañounos a alcaldesa, Inés Rey; a concelleira de Benestar Social, Yoya Neira; a maxistrada Reyes Martel; o xuíz José Antonio Vázquez Taín, delegado en Galicia do programa; e a concelleira de San Bartolomé de Tirajana, Pino Dolores Santana, quenes camiñaron coas mozas e cos mozos o tramo inicial.

Inés Rey deulles a benvida e animounos a gozar dunha “vivencia marcada pola solidariedade e compañeirismo”. Rey lembrou que antes de ser alcaldesa, foi durante 13 anos avogada “levando dereito penal no ámbito dos menores. Por iso, síntome moi cómoda porque estou entre compañeiros e amigos”. Ademais, agradeceu o esforzo da organización porque “se hoxe estamos aquí é porque queremos unha sociedade mellor”. Para a rexedora, a actividade supoñerá para as

persoas participantes “un punto de inflexión que vos permita camiñar máis lixeiros, deixando as preocupacións e os problemas atrás”.

Reyes Martel explicou que cando empezaron en xuño en Gran Canaria o camiño xacobeo da illa, cunha extensión de menos de 100 kilómetros, ocorréuselles buscar unha ruta que o complementara e elixiron a atlántica porque “por ela chegaban os que non podían facelo por terra”.

Para Vázquez Taín, o camiño que completarán estes días en Galicia estará centrado na igualdade entre homes e mulleres: “Non importa o sexo nin a idade, o que importa é a vontade e mentras esta nos una, seremos capaces de completar metas”, asegurou.